Monday 06 de May de 2024

O BNG reclama a Sanidade cubrir a tempo completo o médico en Corrubedo


Pérez recriminou que dende a crise da Covid-19 o PP mantén pechados os consultorios de Taragoña e Cabo de Cruz, que sumaban en total 3000 pacientes e criticou que a cidadanía de Corrubedo teña que desprazarse ata Ribeira para recibir atención médica

O BNG esixiu no Pleno do Parlamento a cobertura da praza de persoal facultativo recortada polo Goberno do PP no ano 2020 e que provoca que a veciñanza de Corrubedo, moita dela xente de idade avanzada, teña que acudir a Ribeira para recibir atención sanitaria, nun centro xa saturado pola falta de persoal.

A deputada do Barbanza, Rosana Pérez, denunciou que, no caso de Corrubedo, a veciñanza “denunciou a falta do único médico do seu consultorio dende o 7 de novembro, tendo que desprazarse a Ribeira para ser atendida nun centro de saúde”, centro médico aqueixado dende “hai moito tempo” por unha falta, tamén, de persoal médico. Un consultorio, o de Ribeira, que segundo os datos da propia Xunta, sen actualizar dende 2017 atendéronse 5.156 consultas de medicina xeral e 3.663 de enfermería, “que número de cartillas consideran vostedes suficiente?”, inquiriu, en alusión á escusa que Sanidade emprega para manter sen facultativo a praza.

A parlamentaria nacionalista advertiu que esta situación de rpecarización do servizo público “fáise máis insostíbel cando a Consellería bota man do persoal do centro de saúde de Ribeira, onde teñen a metade do que lle corresponde; ou mesmo do que atende, tamén de xeito incompleto, o consultorio de Palmeira”. Agravios que se suman aos peches da consulta sen información previa ás persoas usuarias, “ata cando vai manter este despropósito?” reclamou saber ao conselleiro de Sanidade, García Comesaña.

O caso de Corrubedo, xunto coa crise actual da Atención Primaria en Galiza, argumentou Pérez, é un caso que suma “ao empeoramento galopante da calidade asistencial sen que a Xunta de Galiza poña os medios necesarios para solucionar a gravísima situación que vive a atención primaria en Galiza” , concluíu.